Friday 10 de May de 2024

Noelia Martínez será a candidata de Alternativa á alcaldía de Arteixo


Noelia Martínez, que actualmente é a voceira de Alternativa dos Veciños no municipio, será a candidata á alcaldía do Concello de Arteixo. Foi elixida en asemblea polos militantes e simpatizantes de Alternativa en Arteixo.

Noelia Martínez é técnica superior en Administración e Finanzas e tamén técnica en Coidados Auxiliares de Enfermería. Traballou na banca e agora é Auxiliar de Enfermería no Sergas. Tamén forma parte da Asociación cultural e veciñal Manuel Murguía de Oseiro .

Noelia Martínez leva catro anos exercendo de voceira de Alternativa no municipio e, xunto con todos os compañeiros e compañeiras que forman a agrupación, percorreu cada núcleo de poboación do municipio, escoitando e atendendo as demandas e necesidades da veciñanza. Durante este tempo mantivo múltiples reunións con diferentes administracións e organismos para defender os intereses do municipio e de toda a cidadanía de Arteixo.

Como consecuencia dun traballo tenaz e construtivo, conseguimos: acabar con décadas de verteduras de fecais á ría de Barrañán; que o Sergas incorporase outro pediatra ao Centro de Saúde de Arteixo e que se cubrisen as vacacións da matrona titular; defender aos veciños afectados polos proxectos eólicos; rexenerar as praias afectadas polo Porto Exterior; mellorar diversas instalacións deportivas; paralizar a venda de solo público para equipamentos no Polígono de Sabón; que o concello regularizase as cobranzas do recibo da auga e que centos de veciños puidesen recuperar os cartos pagados de máis e un longo etcétera. Como no podía ser doutra maneira, tamén fiscalizamos todas as actuacións que atentan contra a legalidade e o desenvolvemento ordenado de Arteixo, que sen un Plan Xeral urbanístico nunca será posible.

Coa elección de Noelia Martínez como candidata á alcaldía dáse continuidade a un proxecto e un traballo frutuoso, útil para a veciñanza para cambiar e mellorar moitas cousas e de defender os intereses do municipio.